A Baixa Limia e as Terras de Celanova (no sur de Galicia) acollerán por primeira vez a “Taça de Portugal de Corridas de Aventura”
O presidente do Patronato de Turismo de Ourense, Antonio Mouriño, e o resposable de “Rutas do Xurés”, Ramiros Gomes deron a coñecer ós medios de comunicación de Ourense a celebración por primeira vez nesta provincia da “Taça de Portugal de Corridas de Aventura” que terá lugar entre os días 14 e 16 de novembro por distintas zonas do sur desta provincia, situada nos límites dos concellos de Melgaço, Arcos de Valdevez, Ponte da Barca e Terras do Bouro.
O presidente do Patronato de Turismo de Ourense, que ademais é alcalde do concello de Celanova, destacou o feito de que por primeira vez se acheguen estas probas a Galicia, por que é unha nova forma de achegamento entre as dúas terras veciñas, algo que está a consolidarse dende hai tempo nos campos do turismo, da cultura e incluso económicos, pero que, sen embargo, non se tiña promovido noutras actividades como poden ser as de aventura, deporte e natureza, que é o que pretende promocionar precisamente o “Portugal Eco Aventura” con esta iniciativa.
Mouriño Villar desexou que esta proba se consolide no calendario habitual da “Taça de Portugal de Corridas de Aventura”, destacando entre os xornalistas galegos a espectacularidade dunhas probas que espera que teñan unha boa acollida polas terras ourensás polas que vaian pasar.
Pola súa banda, Ramiro Gomes, deu a coñecer a tradición coa que contan este tipo de probas en Portugal e que o desexo do seu colectivo é, non só dar a coñecer esta actividade en Galicia, senón intentar consolidar un campionato anual, semellante ó que se celebra en Portugal, con catro ou cinco probas repartidas por toda a xeografía galega.
Ademais de explicarlles os pormenores das probas e o feito de que estas se basan na triloxía deporte, aventura e natureza, Ramiro Gomes informou ós xornalistas de que estaban a traballar no proxecto de organizar unha proba internacional entre Braga e Astorga para a Semana Santa de 2005, seguindo o itinerario da Vía Nova, que era a vía romana que comunicaba estas dúas localidades das máis importantes do Noroeste da península Ibérica naquela época.
TEXTO DA REVISTA AURIA
O “Portugal Eco Aventura” é a “Taça de Portugal de Corridas de Aventura”, é un proxecto que pretende regulamentar as carreiras de aventura no territorio portugués e que por vez primeira se adentrará, na fin de semana do 14 o 16 de novembro na provincia de Ourense, percorrendo a raia seca, promovido polo “UTL Aventura” en colaboración coa Federación Portuguesa de Orientación.
Estas “Corridas de Aventura” son unha nova práctica deportiva que se basean no concepto da expedición que ten como soporte un mapa que marca os postos de paso e que sobre o terreo son materializados por medio da presencia física de controladores ou prismas de orientación. A progresión no terreo é realizada de forma alternativa por diversos medios de locomoción que teñen como máxima a non utilización de motores, é dicir, o desprazamento a pé, en bicicleta, a nado, en canoa, á vela, en voo, a cabalo, por medio de técnicas de progresión vertical e ou subterránea, e ou subacuática, e a través de pasos aéreos con corda ou cable.
Así mesmo, frecuentemente tamén lles é solicitado ós atletas a realización de pericias diversas como o tiro con arco, xogos tradicionais ou exercicios de “team-building”.
Estas probas están asentadas, polo tanto, no trinomio “Aventura-Deporte-Natureza”, potenciando o desenvolvemento das capacidades de traballo en equipo, a práctica das actividades físicas de longa duración e o desenvolvemento dunha forte conciencia ambiental. Podíamos concluír, entón, que os atletas deste tipo de probas deportivas son, no fondo, aqueles que procuran vivir o seu tempo libre no seo da natureza, gozando dunha forma harmoniosa con ésta, tódalas súas potencialidades e belezas. Un atleta, en fin, que aprende a optimizar a xestión do seu esforzo e dos seus recursos e, por riba de todo, exercita a robusteza psicolóxica para enfrontarse a tódolos obstáculos e imponderables que caracterizan calquera tipo de expedición.
AS PROBAS
As probas que integran o Portugal Eco Aventura son carreiras con percorridos que roldan os 150 kms de distancia, cunha duración viaria de entre 16 e 22 horas de tempo efectivo. Están constituídas por un conxunto de etapas independentes, en réxime de tempo corrido, nas cales os equipos teñen que visitar o maior número de postos de control (CP) durante ese tempo. O percorrido da etapa depende da elección feita por cada equipo, que conta cunha autonomía total, sendo fornecido pola organización un mapa coa zona de partida e chegada, así como cos respectivos CP debidamente sinalados.
PARTICIPANTES
Os participantes son, sobre todo, atletas que procuran as emocións que proporcionan as actividades de longa duración no medio natural, que contan con un verdadeiro espírito de expedicionarios en réxime de autonomía, así como amantes dos desafíos persoais, provindo esencialmente doutras modalidades deportivas como a Orientación, o Triatletismo, o Ciclismo ou o Atletismo, e con idades que superan os 30 anos, desempeñando habitualmente funcións de cadro medio ou superior nas empresas nas que traballan.
O CAMPIONATO
Esta competición denominada “Portugal Eco Aventura” está promovida polo “UTL Aventura - Clube de Praticantes de Corridas de Aventura” de Portugal, un clube que nomea tódolos anos un equipo de coordinación composto por compoñentes do “UTL Aventura” e por atletas doutros clubes e equipos participantes no campionato. Cabe salientar que “UTL Aventura” é o clube máis antigo de practicantes de “Corridas de Aventura” de Portugal, e o que ten no seu haber o maior número de presencias en grandes probas internacionais, contando xa con máis de dúas decenas de probas organizadas no país veciño.
A PROBA
Cada unha das probas do “Portugal Eco Aventura” son organizadas por diferentes clubes ou entidades que con este motivo presentan unha candidatura á organización, segundo o calendario deportivo previsto para cada ano.
Despois de teren sido aprobadas, o equipo de coordinación do campionato nomea un supervisor técnico que será o responsable de asegurar que as diferentes probas son coherentes co regulamento do “Portugal Eco Aventura”, e que sexan respetadas tódalas condicións de seguridade esixidas en actividades deste tipo que contan cun alto grao de risco.
No caso desta proba, que por primeira vez percorrerá o sur da provincia de Ourense, o equipo encargado da organización é o colectivo “Rutas do Xurés”, que dende hai varios anos encárgase de organizar actividades de ocio, aventura e natureza na demarcación do Parque Natural do Xurés e que nestes momentos está levando a cabo unha ampliación nos seus obxectivos para poder organizar actividades fóra deste radio inicial de acción.
ETAPAS
Etapa Actividade Inicio Equipos
1ª Score 100 Urbano con multiactividades 15 Nov 8:00 4 compoñentes
2ª Orientación en BTT a continuación 3 compoñentes
3ª Run & Bike a continuación 3 compoñentes
4ª Canyoning a continuación 3 compoñentes
5ª Orientación Pedestre c/ Run & Bike a continuación 3 compoñentes
6ª Orientación en BTT nocturna 17:00 3 compoñentes
7ª Orientación en Canoa nocturna a continuación 4 compoñentes
8ª Orientación Pedestre nocturna a continuación 4 compoñentes
9ª Orientación en BTT en liña 16-Nov 07:30 3 compoñentes
10ª Orientación Pedestre a continuación 3 compoñentes